Federación Galega de Balonmán
06/01/2019 às 12:44
Cabeçalho

A SELECCIÓN GALEGA CADETE FEMININA XOGARÁ MAÑÁ CONTRA CATALUÑA A FINAL DO CAMPIONATO DE ESPAÑA

A selección galega cadete feminina acadou hoxe a clasificación para a final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas, despois de derrotar a Madrid nun gran partido. A final celebrarase mañá (10:45 horas) contra Cataluña. Pola súa banda, a selección cadete masculina loitará mañá polo bronce contra Euskadi (09:00 horas).


En liñas xerais a de hoxe foi unha boa xornada para Galicia con catro triunfos e dúas derrotas. As seleccións infantil feminina, infantil masculina e xuvenil feminina tentarán acadar a quinta posición, mentres que a xuvenil masculina disputará a sétima posición.


Semifinais Campionato de España cadete feminino.

Madrid, 24 - Galicia, 31. A selección galega cadete feminina, que partía da Copa de España, logrou meterse na final do Campionato de España tras superar de forma contundente a Madrid na semifinal.


Foi unha nova exhibición das rapazas de Abel González e Ana Costas, que volveron a estar espléndidas. E iso que os nervios foron evidentes nos primeiros minutos do choque, o que as levou a estar por detrás no marcador. Desta forma, no minuto 15 ían tres goles abaixo (5-2). Pero pouco a pouco as nosas foron amosando as súas armas e igualáronse moitísimo as forzas, con distancias mínimas no marcador. O primeiro empate chegou no minuto 28 (11-11), e no descanso mandaba Madrid por un  gol (12-11).


Pero na segunda parte, as galaicas brillaron con luz propia. Cunha gran porcentaxe de acerto na portería e unha enorme efectividade en ataque o triunfo foi incontestable. Madrid non tivo a máis mínima posibilidade nesta segunda metade case perfecta das nosas xogadoras, que confirmaron así a súa clasificación para a final do Campionato de España. Fantástico o traballo de Marian Mera en portería con 14 paradas e a efectividade en ataque de Sara Román e Marta Dasilva.

 

Galicia, 31: Marian Mera, Alba Afonso, Anastasija Doder (1), Verónica de Cristófaro (1), María Currás (2), Sabela Miniño (5), Carla Baltasar (1), Ithaisa Trigo (4), Area Martínez, Marta da Silva (4), Antía Estévez, Sara Román (7), Laura Magdaleno (4), Yaiza Alonso (1), Lorena Vaello e Helena Sánchez (1).

Mañá Galicia enfrontarase a Cataluña na final ás 10:45 horas

 

Semifinal Campionato de España cadete masculino.

Galicia, 28 - Comunidade Valenciana, 29. Galicia cadete masculina non puido superar a Valencia nunha axustadísima semifinal, polo que mañá buscará o bronce contra Euskadi.

 

O partido estivo moi igualado dende o inicio, pero unha baixa efectividade no lanzamento dos galegos mediada a primeira parte, permitiu aos valencianos romper o choque e irse ao descanso cunha  clara diferenza no marcador ao seu favor (13-18).

 

Pero Galicia non se rendería e trala continuación do xogo logrou un parcial de 5-0, co que empataba o partido (18-18, min. 8). A partir de aí, igualdade máxima con continuos empates no marcador. Ata que unha superioridade ben aproveitada pola Comunidade Valenciana a falta de cinco minutos para o final, decidiu o gañador do encontro. Galicia loitou ata o final e recortou distancias ata quedarse a só un tanto, pero non puido evitar a derrota. Espectacular traballo dos nosos deportistas!

 

Galicia, 28: José Cerqueiro, Carlos Álvarez (11), Roi Gallego (2), Mario Cancela, Marco García (2), Iago Costas (4), Esteban Carballido, Rubén Sequeiros, Sergio Blond, Alejandro López (1), David Álvarez, Henrique Gabriel (2), Lois García, Diego Fernández, Román Arboleya (6) e Daniel Virulegio.

Mañá Galicia buscará o bronce contra Euskadi (09:00 horas)


Loita do 5º ao 8º posto - Campionato de España xuvenil feminino.

Galicia, 33 – Andalucía, 29. Era un día moi complicado para as nosas galaicas despois da desilusión de caer derrotadas onte nos cuartos, pero a pesar diso as nosas rapazas tiraron de orgullo para superar con claridade a Andalucía e loitar así pola quinta posición.


Costoulle un pouco a Galicia entrar no partido e foi por detrás no marcador nos primeiros dez minutos do choque (5-8, min. 11), pero a partir de aí foron axustando o traballo defensivo e con rápidos contraataques acadaron o empate (8-8, min. 13). Con táboas no marcador chegou o acougo ás nosas deportivas, que comezaron a amosar o seu verdadeiro potencial e pouco a pouco foron abrindo distancias no marcador. Ao descanso, 17-12 para Galicia.


Na segunda metade, o equipo dirixido por Miguel Sánchez e Laura Rúa mantivo a liña de traballo, pero Andalucía logrou achegarse no marcador ata poñerse a un só gol (25-24, min. 27). Galicia non perdeu a calma e seguiu xogando con moita cabeza e coma un equipo. Así, lograron aumentar as distancias para lograr unha cómoda distancia e unha vitoria que as leva a xogar mañá pola quinta posición.


Galicia, 33: Uxía Ferreiro, Andrea Fernández (3), Sandra Blanco, Patricia Mallo, Adriana Mallo (3), Aitana Santomé (5), Silvia Leiras (1), Sarai Espiñeira (11), Sandra Sánchez (2), Estela López (1), Lidia Portela, Ángela Rodríguez (2), Carme Castro (2), Claudia Kaulback (3), e Marta Martínez.

Mañá, Galicia buscará a quinta posición fronte a Madrid (12:30 horas).


Loita do 5º ao 8º posto - Campionato de España xuvenil masculino.

Andalucía, 27 - Galicia, 22. Derrota do noso combinado xuvenil contra Andalucía, nun partido moi axustado que se decidiu nos últimos minutos.

 

O encontro comezou moi igualado, con intercambio de goles entre dous rivais serios en tarefas defensivas. Así, no minuto 14, ían empatados no marcador (8-8). Pero un par de erros non forzados dos galegos permitiron contras dos andaluces con goles cómodos e así lograron irse ao descanso tres tantos arriba (16-13).


 Na segunda parte, o choque seguiu moi igualado (18-18, min. 11) ata os últimos dez minutos nos que galaicos se atascaron en ataque, ante unha moi boa defensa andaluza. E así escapouse o partido e os galegos terán que loitar pola sétima posición.


Galicia, 22: Víctor Doval, Mario Chan, Víctor Fernández (1), Eduardo José Cousillas (1), Javier Iglesias (2), Xurxo Rivas (5), Gonzalo Domínguez (2), Juan Enrique Lago, Juan Bas (1), Brais González (4), Cristian Remeseiro, Pablo González, Samuel Barciela (3), Óscar Otero, Jacobo Río (2) e Rubén Fernández (1).

Mañá, Galicia-Euskadi (09:00 horas) na loita polos postos do 7º e 8º

 

Loito do 5º ao 8º do Campionato de España infantil feminino.

Galicia, 30 - Madrid, 20. As minigalaicas esqueceron a derrota dos cuartos de final,  cun magnífico partido contra Madrid, que as leva a loitar pola quinta posición do campionato.


As galegas dominaron o choque dende o inicio. Só no primeiro minuto, Madrid sorprendeu cun 0-2, pero a partir de aí xa non volveron a adiantar ás galegas.  Desta forma, cun xogo moi completo, tanto en defensa como en ataque, lograron abrir distancias no marcador (16-8, ao descanso).


A segunda metade xa non tivo historia, con Galicia moi sobria e efectiva e sen darlle opción algunha a Madrid. Lucía Villamarín foi a máxima goleadora con 9 tantos. As minigalaicas xa pensan na “final” polo quinto posto.

 

Galicia, 30: Paula Comendador, Carmela Fontoira (3), Lucía Álvarez, Cristina González, Uxía Campos (1), Lucía Villamarín (9), Eva Rodríguez (2), Carla Vidal (6), Aroa Fernández, Blanca Rial (1), Sandra Alperi, Lucía Méndez (3), Itziar Molinos, Nerea Patiño (1), Nerea Arias (3) e Nuria López (1).

Na loita polo 5º posto, Galicia xogará contra Canarias (12:30 horas)



Loita do 5º ao 8º do Campionato de España infantil masculino.

Galicia, 24 – Aragón, 23.  Partido no que os galegos comezaron cunha moi boa defensa, o que lle permitiu coller unha pequena renda de dous goles. Pero a medida que ía avanzando o partido, o porteiro de Aragón foi crecendo e os galegos non atopaban a fórmula para superalo. Así, chegamos ao descanso un tanto abaixo (9-10).

No inicio da segunda metade, o combinado galego comezou a facer unha gran defensa, o que lles permitir coller unha renda de seis goles. Pero o partido non acabou aí. Os aragoneses cambiaron a defensa a 3:3, creando imprecisións no ataque galego. O marcador axustouse, pero os galegos souberon manter o resultado e levarse a vitoria.

                                                                                             

Galicia; 24: Hugo Pérez, Adrián Pérez del Río (2), Eduardo Alonso, Marcelo Gil (1), Miguel López, Senén Garea (1), Roberto Castro (6), Alexandre Gallego (1), Adrián Carrera (1), Ismael Fernández (6), Mateo Pallas, Martín Santos (2), Nuno Loxo (2), Pablo Fernández, Carlos Menduiña (2) e Anxo Fernández.

Mañá  Galicia xogará contra Navarra (12:30 horas) na loita polo 5º posto


0 Gostei · 0 Comentários

Gostei
Calendário
Junho 2019
SegTerQuaQuiSexSábDom
     12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
Siga-nos

Seu navegador não foi capaz de carregar todos os recursos de nossa web, é possível que tenha sido bloqueados por um firewall, um proxy, algum complemento ou a configuração de seu navegador.

Pode clicar Ctrl + F5 ou Ctrl + Shift + R para forçar seu navegador a tentar descarregá-los novamente, ou se isto não funcionar, utilizar outro navegador ou contatar seu administrador de sistema ou provedor de Internet para solucionar este problema.